Amores Prohibidos

Diario de Xespir. Día 5º

1 comentario

Hoxe non hai resumo. Resístome a condensar sequera un pouco o relato da última xornada. É hora de botar a vista atrás e saborear un por un todos os días transcurridos desde o, xa lonxano, luns. Busca o comezo da liña de tempo deste venres e goza con toda a aventura. Eu, agora, retírome a descansar. Como supoño que farán todos. E ese agotamento compartido faime sentir, se iso é posible, aínda un pouco máis humano.

Pero poida que aínda me quede un pouco de enerxía. ¿Baldo e Rosi? Non podo resistirme. Teño que escribilo.

Voso sempre.

Xespir

 

Diario de Xespir. Día 4º

0 comentarios

Xoves.

Día de zozobra. Con Romero fóra de circulación e Xiana desaparecida, os secundarios toman a escena. Baldo poñendo en marcha o motor de busca; Mejuto no seu papel de axitador; Rossi, espectadora de escepción e instigadora de rancores, fiel a si mesma; e a Garda Civil facendo o seu traballo.

Pero nunca choveu que non escampara. Por fin Romero consegue conectarse e, enterado da situación polo mail que Xiana lle enviara, deixa un video-documento que fai que todo se estremeza. E consegue o imposible: que os inimigos se unan. Xuntos continuarán a busca de Xiana e farán que a dirección do centro se plantexe a readmisión de Romero.
Pola súa parte Ana, desde Santiago, iranos informando da súa peripecia, acompañada dunha amiga, na procura de Romero. Pouco tardará en descubrirse que esa amiga é... Xiana! Por fin sabemos dela. Sen embargo, o percorrido das dúas por bares, pubs e discotecas acaba nun gran susto que, afortunadamente, tén final feliz.

Con Xiana e Romero de volta, volverá a normalidade? Veremos como a paz se impón despois da guerra? Será este o principio dunha gran amizade entre todos?

Todo isto e moito máis... na última xornada.

Xespir

Diario de Xespir. Día 3º

0 comentarios

Mércores.

Empezar unha obra cun terremoto e despois ir in crescendo é unha máxima que todo dramaturgo aspira a seguir. Tan difícil é axustarse a tal argumento como poder velo plasmado por outras mans. Pero iso foi precisamente o que sucedeu un 25 de abril na nosa historia. Por iso non podo por menos que dicir que todas as persoas implicadas estiveron á altura dos máis altos dramaturgos. Como espectador, douvos as grazas.

Rompeu a mañá tinguida de escaramuzas. O barómetro dos ánimos marcaba temporal. Todo o que se movía na Cachada non presaxiaba nada bo. E como non era día de preámbulos, case sen tempo para as provocacións, estalou a guerra. Con todos os seus efectos colaterais. E con todas as consecuencias. Pero aínda así, todo xunto, non é máis que o inicio da traxedia.

Onde nos levarán hoxe os pasos dos combatentes?

Xespir

Diario de Xespir. Día 2º

0 comentarios

Martes.

Aínda seguen os efectos secundarios da festa do luns: Xiana tivo unha última sorpresa da que por fin nos fixo partícipes. Baldo está tanto asimilando o éxito como DJ como reflexionando sobre a eficacia destas festas. E os non simpatizantes aínda se negan a aceptar que, mesmo eles, o pasaron ben.
E é que para Xiana o aniversario aínda non rematou: comida cos seus pais e agasallos de última hora.
Romero, pola súa parte, optou por gozar dun día ao aire libre. E que casualidade! :), máis tarde Xiana tamén.

Quen lle fai as fotos a Romero? E alguén sabe onde está Xiana? A Rossi non lle gustaría coñecer estas repostas, pero a curiosidade e os ciumes son máis fortes.

E mentres o día cae imos sabendo cousas. Porque despois dunha tarde de xogar ás agachadas, de descoidar os seus compromisos, Xiana necesita contarlle a alguén todo aquelo que sinte e a desborda. Porque Romero nos deixa adiviñar a súa peripecia nas evasivas que lle dá a Rossi. E, como era de esperar, é a noite a que nos desvela e nos confirma que os pasos do amor son lentos pero irretornables.

As leis da física cúmprense precisas: é cuestión de tempo que os contrarios acaben por xuntarse.

Xespir.