Amores Prohibidos

Unha tarde de teatro

1 comentario

Coa data de comezo de Amores Prohibidos 2.0 achegándose perigosamente, a semana pasada tivemos unha xuntanza cos alumnos do IES A Cachada interesados en participar no proxecto. Son xa unha chea deles e cada día apúntanse máis.

Xuntanza Teo

Como xa levábamos moitos días de teoría, decidimos comezar a meternos en fariña e facer algún exercicio sobre teatro. Aínda que nesta iniciativa van ter cabida todos os rapaces que estean interesados, e tamén algún adulto, imos precisar que algúns lles poñan cara aos personaxes da obra, e por iso lles pedimos a algúns dos presentes que se metesen na pel de Xulieta e de Romeo. Os resultados foron moi bos, e para amosalo deixámosvos estas imaxes de Raúl, un dos estudantes que van participar en Amores Prohibidos 2.0, falando con Xulieta que, iso si, desta vez perdeu a súa natureza humana e converteuse en can.

Xa nos diredes que opinades....

Todo sobre Amores Prohibidos

0 comentarios

Algunha dúbida aínda sobre Amores Prohibidos? Consulta todo o que precises saber sobre o proxecto nestas diaposivas. E non esquezas que, se che apetece, podes colaborar! Escríbenos a amores@redenasa.tv e cóntanos que che apetecería facer.

 

View more presentations from redenasa.

 

E ti como ligas en galego? Vídeo promocional para Amores Prohibidos 2.0

0 comentarios

Para facer este vídeo, preguntámoslles a unha chea de persoas como facían para ligar en galego. A algunhas delas, como Isi, Touriñán, Iria Sobrado, Isabel Risco, Marcos Pereiro, Fede Pérez, María Mera, Patricia de Lorenzo, Mónica García e Carlos Meixide, probablemente as coñezades e a outras, e como os alumnos do IES A Cachada Aldara, Xacobe, Raúl, Adrián, Irene, Loreto e Lois, se cadra non. Agradecémoslles a todos, en calquera caso, a sinceridade das súas respostas. A música é de O Leo i Arremecaghona, que nos deixou usar a súa canción Bilingüismo Harmónico para a montaxe.

E, por certo: como ligas ti en galego? Pódesnos deixar un vídeo para contalo en Redenasa.tv e subirémolo enseguida ao blog.

Presentamos Amores Prohibidos en Boiro

0 comentarios

O martes pasado (coincidindo co Día dos Namorados: tratándose dun proxecto baseado en Romeo e Xulieta non podíamos desperdiciar a oportunidade) presentamos Amores Prohibidos 2.0 no IES A Cachada de Boiro. O acto ía dirixido aos medios e, sobre todo, aos/as rapaces/as do instituto que non estaban a participar na iniciativa. Pareceunos que saíra todo moi ben. Veu moita prensa, o público adolescente estivo calado e moi atento e case se nos rematan as existencias dos adhesivos que fixéramos especialmente para ese día. Ademais, cando ao día seguinte chegamos á xuntanza que tiñamos acordada cos nenos e as nenas que ían colaborar no proxecto, descubrimos que contábamos con cousa dunha ducia máis de participantes novos dende a última vez que nos reuníramos. Non se pode pedir moito máis...

Ao rematar a presentación, cando xa amainara o rebumbio de estudantes e cámaras, decidimos gravar este vídeo para todas as persoas interesadas polo proxecto. Xron, Miguel de Lira, a profesora do IES A Cachada Ana Moreiras e tres rapazas que non temos identificadas (se nos len, pedímoslles dende aquí que nos deixen o seu nome para podelo engadir nos créditos) explícanvos de que vai isto do teatro 2.0.