Amores Prohibidos

Presentamos Amores Prohibidos en Boiro

0 comentarios

O martes pasado (coincidindo co Día dos Namorados: tratándose dun proxecto baseado en Romeo e Xulieta non podíamos desperdiciar a oportunidade) presentamos Amores Prohibidos 2.0 no IES A Cachada de Boiro. O acto ía dirixido aos medios e, sobre todo, aos/as rapaces/as do instituto que non estaban a participar na iniciativa. Pareceunos que saíra todo moi ben. Veu moita prensa, o público adolescente estivo calado e moi atento e case se nos rematan as existencias dos adhesivos que fixéramos especialmente para ese día. Ademais, cando ao día seguinte chegamos á xuntanza que tiñamos acordada cos nenos e as nenas que ían colaborar no proxecto, descubrimos que contábamos con cousa dunha ducia máis de participantes novos dende a última vez que nos reuníramos. Non se pode pedir moito máis...

Ao rematar a presentación, cando xa amainara o rebumbio de estudantes e cámaras, decidimos gravar este vídeo para todas as persoas interesadas polo proxecto. Xron, Miguel de Lira, a profesora do IES A Cachada Ana Moreiras e tres rapazas que non temos identificadas (se nos len, pedímoslles dende aquí que nos deixen o seu nome para podelo engadir nos créditos) explícanvos de que vai isto do teatro 2.0.

Comentarios

Esta nova non ten ningún comentario.

Engade o teu comentario