Amores Prohibidos

Inventando unha nova maneira de facer teatro

0 comentarios

Como se fai para montar unha obra teatral e contarlla ao público usando exclusivamente as redes sociais? Non estamos a falar de representar un espectáculo ao modo convencional e retransmitilo en streaming a través da rede. Nin sequera de escribir unha peza en forma de posts e twits e ir colgando o texto aos poucos ao longo dos días.

Ao que nos referimos é a pensar un proxecto especificamente para Internet, no que os personaxes se expresen de modo natural a través das redes sociais, no que se mesturen formatos e linguaxes, no que os comentarios dos protagonistas se mesturen co resto das mensaxes da rede, tan reais ou tan irreais como os amigos virtuais.

Se se che ocorre como poderíamos facer algunha destas cousas, pódesnos escribir a amores@redenasa.tv e deixarnos a túa aportación: poucas cousas nos gustan máis que recibir suxerencias.

Porén, se non sabes moi ben por onde tirar, confesarémosche que nós tampouco estamos seguros de como por esta iniciativa en marcha e asegurarnos de que o resultado sexa bo, pero logo que de varios meses traballando xa se nos foron ocorrendo unhas cantas ideas ao respecto e, aínda que non cho imos contar todo de golpe, si que podemos adiantar algunhas cousas.

A primeira é que para este primeiro intento de levar o teatro ás redes sociais decidimos adaptar Romeo e Xulieta, de Shakespeare, á Galicia do ano 2012, a un mundo que recorda ao noso, no que o amor dos protagonistas non será posible porque a familia e os amigos de cada un non aceptan a lingua na que se expresa o outro.

A segunda é que estaremos a traballar conxuntamente con alumnos de instituto, concretamente cos do IES A Cachada de Boiro. Gustounos a idea de colaborar con rapaces desta idade porque son os que mellor poden reconstruir os sentementos dos dous adolescentes de Verona da obra orixinal, e tamén porque todos eles son xa nativos dixitais que se manexan con completa soltura neste mundo de redes, vídeos e contidos dixitais.

Parece importante comentar tamén que o proxecto porase en práctica durante seis días entre o 20 e o 25 de abril, e que o relato poderase seguir dende calquera lugar do mundo facéndose amigo/a dos nosos personaxes, seguíndo as contas do proxecto en Facebook e en Twitter e visitando Redenasa.tv, onde o noso narrador, Xéspir, ordenará posts, fotos e material de vídeo para que sexa máis doado seguir a historia.

Dende logo, non tardaremos en volver escribir no blog para dar información, xa que temos moito que contar. Entre tanto, se queres saber algo máis desta iniciativa, podes ler este artigo.

Comentarios

Esta nova non ten ningún comentario.

Engade o teu comentario