Diario de Xespir. Día 3º
Mércores.
Empezar unha obra cun terremoto e despois ir in crescendo é unha máxima que todo dramaturgo aspira a seguir. Tan difícil é axustarse a tal argumento como poder velo plasmado por outras mans. Pero iso foi precisamente o que sucedeu un 25 de abril na nosa historia. Por iso non podo por menos que dicir que todas as persoas implicadas estiveron á altura dos máis altos dramaturgos. Como espectador, douvos as grazas.
Rompeu a mañá tinguida de escaramuzas. O barómetro dos ánimos marcaba temporal. Todo o que se movía na Cachada non presaxiaba nada bo. E como non era día de preámbulos, case sen tempo para as provocacións, estalou a guerra. Con todos os seus efectos colaterais. E con todas as consecuencias. Pero aínda así, todo xunto, non é máis que o inicio da traxedia.
Onde nos levarán hoxe os pasos dos combatentes?
Xespir