Sobre o proxecto
Que é AP-2.0?
Amores Prohibidos 2.0 é unha obra de teatro participativa e interactiva, adaptada a internet, que usa como escenario as redes sociais e Redenasa.tv, unha rede on line de creación e difusión cultural. Os personaxes comunicaranse entre eles mediante vídeos, fotos, chats, audios e mensaxes que compartirán a través das súas contas nas redes sociais, convertíndose nun diálogo aberto á interacción dos espectadores. Amores Prohibidos 2.0 é un proxecto innovador no eido escénico español co que se quere incrementar o acceso e a disponibilidade de contidos culturais en galego en internet.
Como é a nosa adaptación?
AP-2.0 é unha versión de Romeo e Xulieta, o clásico sobre o amor, o odio e a reconciliación. Nós adaptamos a historia ao tempo e ao lugar no que vivimos: Xulieta e Romero son alumnos dun instituto dunha vila galega no ano 2012. E o enfrontamento entre Montescos e Capuletos servirá para achegarse ao conflito lingüístico creado en Galicia entre os que defenden e os que atacan o dereito a usar a lingua galega. A acción vai trascorrer ao longo de cinco días, que é a duración da historia orixinal de Shakespeare, pero nós ímolo contar todo en tempo real. Reducimos os personaxes aos seis principais para facilitar o seguemento a través das redes sociais e incorporamos a figura de Xespir como moderador, asumindo funcións de comunity manager.
Un proceso de creación aberto e participativo
En AP-2.0 experimentamos con prácticas de creación abertas e colaborativas. Apostamos por crear un equipo de traballo amplo no que participa voluntariamente un grupo de 24 adolescentes de entre 13 e 16 anos, xunto a un grupo de profesionais do teatro, do xornalismo e das redes sociais, o profesorado do IES A Cachada de Boiro e algúns pais e nais de alumnos. Entre todos fumos dando forma a esta historia, creamos os personaxes, debatemos sobre os conflitos de fondo, escollemos localizacións, repartimos papeis, tarefas e responsabilidades. E fixemos público todo o proceso a través do blog amoresprohibidos.redenasa.tv, das redes sociais e da propia plataforma redenasa.tv
Por que adolescentes?
Os rapaces e rapazas desta idade están afeitas a comunicarse a través das redes sociais, subir fotos e gravar vídeos cos seus móbiles e compartilos en Youtube ou Tuenti, dar a súa opinión a través da Rede e traballar en equipo e a distancia. Nós queremos aproveitar estas cualidades para artellar un proxecto que persegue un uso creativo das redes sociais e un achegamento da cultura clásica e do teatro a adolescentes. Esta é tamén unha oportunidade para procurar novos públicos para o teatro usando ferramentas distintas ás habituais.
Como se poderá seguir a historia?
O punto de encontro principal é redenassa.tv, onde se creou un espazo propio para o proxecto. Aquí estará toda a información sobre a obra. Cada personaxe terá o seu perfil, poderanse ver os vídeos, fotos e comentarios publicados por cada un deles. E tamén é aquí onde se poderá seguir a liña de tempo das súas conversas, tanto as que se produzan en redenasa.tv como as emitidas desde Tuenti ou Twitter, así como as demais interaccións provocadas polo público.
Ademais, cada personaxe terá a súa propia conta de Tuenti, onde desenvolverá unha actividade complementaria e máis privada. Dese xeito poderemos obter unha información de contexto sobre o personaxe e o seu ámbito persoal e social.
Para quen non poida ou non queira facer un seguemento intensivo da obra ao longo de toda a semana, Xespir publicará resumos diarios no blog amoresprohibidos.redensa.tv, que se convetirá nunha especie de panel informativo e guía para espectadores máis ocasionais.
Por suposto, o público pode intervir sempre e en todo momento, comentando a distancia ou entrando en conversa directa cos personaxes, enlazando os vídeos e as fotos que publica cada un deles ou aportando as súas propias imaxes. Desde a rede tamén se lanzarán propostas de participación máis directa a xeito de xogos entre a realidade e a ficción que requerirán a colaboración do público.
Ficha técnica
Unha idea do grupo Chévere co-producida con Redenasa.tv e co-financiada pola Agadic.
Dirección do proxecto: Xron
Asesoramento teatral: Miguel de Lira
Asesoramento en redes sociais: María Yáñez
Guionistas: Manuel Cortés, María Yáñez
Produción: Juancho Gianzo
Asistente de produción: Rubén Varela
Comunicación: Xana García
Colaboracións especiais: Patricia de Lorenzo, Mónica García, Arantza Villar, Alfonso,
Web: A Navalla Suiza